Visor de contenido web

Actualidad > noticia

Publicador de contenidos

A Deputación de Pontevedra acondiciona o punto limpo do Morrazo para a recollida de residuos eléctricos e electrónicos

O deputado Santos Héctor destaca que "como sociedade avanzada non podemos permitirnos que estes elementos tan contaminantes acaben na ladeira dun monte"

03/09/2020
Deputación de Pontevedra
Punto limpo Cangas

A Mancomunidade do Morrazo mellora o seu servizo de recollida de lixo coa incorporación da xestión de residuos eléctricos e electrónicos (RAEE) no punto limpo situado a carón do polígono de Castiñeiras e que dá servizo aos concellos de Cangas, Bueu e Moaña. O "ecocentro" acaba de ser acondicionado pola Deputación de Pontevedra, cun investimento superior aos 66.000 euros, no marco do proxecto europeo ESTRAEE. Quedou así equipado coas instalacións e procedementos necesarios para a recepción e tratamento deste tipo de desperdicios. O deputado Santos Héctor visitou hoxe as novas instalacións, acompañada da presidenta da mancomunidade e alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, e do rexedor de Cangas, Xosé Manuel Pazos. Ao acto tamén asistiron a tenente de alcalde de Moaña, Marta Freire, e a concelleira canguesa Sagrario Martínez.

Santos Héctor destacou a aposta da Deputación de Pontevedra polo medio ambiente, ofertando un servizo que posibilita a recollida, reciclaxe e reutilización dos compoñentes dos RAEE, nos que abundan os metais pesados e tamén elementos que conteñen gases contaminantes e prexudiciais para a capa de ozono. O deputado destacou que as Administracións públicas teñen a obriga de sintonizar as súas políticas públicas coa Axenda 2030 da ONU para facer a súa contribución aos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). "Damos un paso adiante para a recollida, reciclaxe e reutilización duns elementos que son extremadamente contaminantes e que, como sociedade avanzada, non podemos permitirnos que acaben na ladeira dun monte", afirmou.

Leticia Santos agradeceu a aposta da Deputación pola recollida e reutilización dos aparellos eléctricos "que xeran moitos problemas no medio ambiente cando non se xestionan correctamente e, en cambio, teñen un alto valor cando se recollen e tratan de xeito adecuado". A presidenta da mancomunidade agradeceu o investimento e a visita do deputado e avogou por novas colaboracións "a prol da sustentabilidade das nosas vilas".

As obras realizadas serviron para a construción dun almacén específico para os RAEE e clasificación de cara a súa reutilización. A edificación está totalmente pechada, con soleira impermeabilizada e arqueta cega. Tamén instalouse novo sistema de iluminación, protección contra incendios e paneis indicativos. A maiores, para incentivar o uso do punto limpo, púxose en marcha unha campaña informativa consistente nun tótem con información relevante e tres caixas para o depósito dos RAEE máis pequenos, como pilas, móbiles vellos ou cargadores, que está instalada paralelamente nas sedes dos concellos de Cangas, Moaña e Bueu.

A partir de agora, a veciñanza dos tres concellos poderá desbotar os electrodomésticos e os aparellos que funcionen con electricidade depositándoos os martes e os sábados en horario de 9 a 13 horas e os xoves, entre as 15 e as 19 horas. Para os máis voluminosos hai un servizo de recollida a domicilio que se solicita no teléfono 900 725 425.

As obras do punto limpo do Morrazo chegan, ademais, nun momento en que este tipo de instalacións son máis necesarias que nunca, pois o seu uso tense incrementado notablemente tralo confinamento, dado que moita xente aproveitou este período para retirar mobles ou elementos inútiles dos seus fogares.

Os RAEE, cuxo volume crece a un ritmo de entre un 18 % e un 26 % anual, supoñen xa 50 millóns de toneladas anuais no mundo, das que preto dun millón se producen en España.

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75 % polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).