Exposição do índice de correia fotorreceptora

Atualidade > noticia

Publisher Do Recurso

Vilagarcía de Arousa xa conta cun punto limpo renovado pola Deputación de Pontevedra para a reciclaxe de residuos eléctricos e electrónicos

A actuación, cun orzamento de máis de 100.000 euros, permitiu a modernización e adaptación normativa do espazo situado en Pinar do Rei (Bamio)

08/09/2020
Punto limpo Vilagarcía

A veciñanza de Vilagarcía de Arousa e o seu contorno xa pode depositar os seus residuos eléctricos e electrónicos no punto limpo da localidade, que acaba de ser acondicionado e adaptado pola Deputación de Pontevedra no marco do proxecto europeo ESTRAEE. O deputado de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, acompañado polo concelleiro Lino Mouriño e a concelleira Luz Abalo, visitou as remodeladas instalacións, que contaron cun orzamento de case 110.000 euros entre obras e subministracións.

Carlos Font destacou o compromiso da Deputación co medio ambiente e co cumprimento dos ODS da Axenda 2030 e, neste senso, destacou "a importancia do proxecto ESTRAEE na creación dunha economía circular entre a provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal para a recollida, reciclaxe e reutilización do lixo electrónico". Ademais, o deputado explicou que este tipo de residuos resultan especialmente contaminantes e con efectos a longo prazo, "entre todas e todos temos que contribuír coa correcta xestión dos residuos". O punto limpo, situado en Pinar do Rei (Bamio), queda preparado para a recollida de electrodomésticos vellos e aparatos do fogar que funcionen con corrente eléctrica. A instalación está aberta de luns a sábado en horario de 10 a 13:30 horas e de 16 a 20 horas, e os domingos de 10 a 13 horas. Tamén é posible solicitar o servizo de recollida a domicilio dos RAEE a través do teléfono 670 508 489.

As obras realizadas no punto limpo de Vilagarcía de Arousa consistiron na demolición da soleira existente para mellorar a drenaxe de augas pluviais e na instalación dun sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. Ademais, instalouse iluminación no almacén e construíuse un edificio sobre o actual, dun 207 metros cadrados, co obxectivo de aumentar a capacidade de almacenaxe e poder levar a cabo as labores de reutilización. Pola súa banda, a Deputación tamén subministrou sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de vehículos, gaiolas, estantes, equipos informáticos e transpaletas para facilitar o transporte dos palés e os recipientes de recollida.

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75 % polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).