Exposição do índice de correia fotorreceptora

Atualidade > noticia

Publisher Do Recurso

A Deputación reafirma o seu liderado medioambiental cunha iniciativa pioneira para a reciclaxe e reutilización do lixo electrónico en 11 concellos da provincia

05/08/2020
Deputación de Pontevedra
Presentación

Impulsar a economía circular e frear o grave impacto que están a producir os Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE), tamén coñecidos como o "lixo electrónico", é o obxectivo da campaña que a presidenta, Carmela Silva, presentou hoxe fronte ao Pazo Provincial acompañada dos representantes dos 11 concellos que vanse beneficiar directamente desta nova e singular iniciativa medioambiental impulsada pola Deputación de Pontevedra.

A provincia de Pontevedra volve converterse así nunha nova referencia europea, e mesmo mundial, no marco da protección do medio ambiente e no cumprimento da Axenda 2030. Un paso que se suma ao liderado que xa exerce dende 2015 en materia de tratamento de residuos orgánicos a través do Plan Revitaliza, ou ás campañas realizadas contra a contaminación mariña a través dos microplásticos ou o impacto das cabichas nas praias, ademais da recente certificación da xestión medioambiental do Pazo Provincial por parte de Aenor. Nesta ocasión, o obxectivo son os RAEE, uns residuos extremadamente contaminantes, en crecemento exponencial e que están a supor xa un grave problema.

Carmela Silva estivo acompañada dos representantes dos 11 concellos que pasan a contar cun ecocentro, gracias á adaptación integral de 9 puntos limpos (Vilagarcía de Arousa, Meaño, A Lama, Silleda, Ponteareas, A Guarda, Gondomar, Nigrán e o da Mancomunidade do Morrazo, que dá servizo dende Aldán aos concellos de Cangas, Bueu e Moaña). O proxecto supuxo un investimento total de 2.145.000 euros no marco da estratexia europea Estraee .

A campaña informativa consiste na instalación de totems nas sedes de cada un  dos concellos. Nos soportes ofrécese información abundante sobre os beneficios globais de tratar adecuadamente este tipo de lixo co obxectivo de incrementar a eficacia da súa recollida. "Queremos que a cidadanía saiba onde e como depositar este tipo de aparellos para que sexan reciclados, reutilizados e darlles unha segunda vida", remarcou Carmela Silva, quen definiu o reaproveitamento de cada elemento como "un xesto que contribúe a frear o cambio climático".

Para axilizar o depósito dos dispositivos máis usuais (con independencia de que poden entregarse tamén no punto limpo) colocaranse tres caixas de recollida en cada concello destinadas especificamente aos teléfonos móbiles e "tablets" por un lado, as pilas polo outro e, finalmente, os cargadores. O resto dos RAEE (todo tipo de aparellos domésticos que funcionen con corrente, como electrodomésticos, dispensadores de aire acondicionado, impresoras, aspiradoras, pranchas, secadores de pelo, etcétera) deben entregarse directamente no punto limpo, ou ben solicitar a súa recollida por parte das empresas concesionarias. A campaña tamén facilita estas xestións ofrecendo os teléfonos de contacto e os horarios. As persoas que queiran participar na campaña e se acheguen para informarse recibirán como agasallo unha bolsa de tea que contén un chaveiro cargador, libreta e bolígrafo coa imaxe do proxecto Estraee.

Durante o acto de presentación da campaña tomaron a palabra Antonio Lomba, alcalde de A Guarda; Jorge Canda, alcalde de A Lama; Ramón Tilve, tenente de alcalde de Meaño; Rosa María Covelo, concelleira de Ponteareas; Lino Mouriño, concelleiro de Vilagarcía; Xosé Leal, concelleiro de Bueu; Pilar Peón, concelleira de Silleda; Odilo Barreiro, concelleiro de Moaña; Cristina Dosil, concelleira de Nigrán e Brais Misa, concelleiro de Gondomar. A presidenta Silva amosou a súa emoción e recoñecemento tralas intervencións, nas  que se citou unanimemente o papel da Deputación de Pontevedra na vangarda da defensa do medio ambiente. "Non basta con deixar a nosa contorna como a recibimos, senón que debemos deixala mellor porque téñense cometido xa demasiados erros", afirmou.

A presidenta Silva destacou que con esta iniciativa, xurdida dende o mundo local para atallar un problema global, contribúese tamén a frear os vertedoiros incontrolados, que facilitan o vertido de elementos tan contaminantes como o chumbo, arsénico ou mercurio. "As Administracións públicas non podemos mirar para outro lado", insistiu. Neste eido, Silva destacou que os RAEE "non son lixo; son recursos, e está nas nosas mans darlles unha nova vida", remarcou. Unha mensaxe que reforzou con exemplos tan concretos como que 500 ordenadores vellos poden converterse en 2.000 metros de tubaxe de cobre, o vidro dos monitores e pantallas vellas pode transformarse en vaixelas e asfaltos, a reciclaxe dun tubo de fluorescente evita contaminar a auga que conteñen 20.000 botellas de 1,5 litros, o chumbo dunha soa TV pode contaminar toda a auga que abastece a Pontevedra ou, finalmente, que os gases contaminantes que contén un frigorífico sen reciclar equivalen a 24 viaxes en coche de Pontevedra a Madrid.

Carmela Silva puxo tamén contexto á importancia desta iniciativa explicando que tan só un 17,4% do lixo electrónico se recicla na actualidade. O seu volume disparouse un 21% nos últimos 5 anos. O ano 2019 marcou un récord mundial con 53,6 millóns de toneladas de RAEE, máis que o peso agregado de tódolos adultos europeos. Os informes falan de que acadaremos os 74 millóns de anuais de lixo electrónico en 2030, dobrando as cifras de 2014. Finalmente, indicou que é moi probable que haxa unhas 50 toneladas de mercurio sen controlar nos residuos vertidos irregularmente nos últimos anos. "Queda claro o terrible dano que fan estes utensilios cando deixamos de usalos".

 

O proxecto Estraee (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros. Está soportado ao 75% polo fondo Feder, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto.