Visor de contenido web

Actualidad > noticia

Publicador de contenidos

Silleda xa conta cun punto limpo renovado pola Deputación de Pontevedra para a reciclaxe dos residuos eléctricos e electrónicos

29/08/2020
Deputación de Pontevedra
O renovado punto limpo de Silleda

O deputado de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, xunto ao alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, visitou as obras acometidas no punto limpo da vila, no marco do proxecto ESTRAEE de reciclaxe do "lixo electrónico" promovido pola Deputación. A actuación, cun orzamento de 45.100,28 euros entre obras e subministracións, permitiu adaptar o punto limpo co obxectivo de acondicionalo de cara a recollida e xestión dos residuos eléctricos e electrónicos. Así, tanto a veciñanza de Silleda coma dos concellos próximos xa conta cun espazo totalmente renovado no que depositar, para a súa reciclaxe, todo tipo de electrodomésticos, aparellos informáticos ou televisores, entre outros.

O punto limpo, situado no lugar de Vilanova (parroquia de Margaride), permanece aberto de mércores a sábado en horario de 9 a 14 horas. Ademais, as persoas interesadas tamén poden solicitar o servizo de recollida a domicilio previo aviso no número de teléfono 900 720 190. En concreto, en Silleda foi necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estantes, equipos informáticos e transpaletas, que son máquinas para o movemento de palés que precisamente foron entregadas recentemente pola Deputación. Ademais, no que respecta ás obras, foi necesario demoler a soleira existente para mellorar a drenaxe de augas. Tamén se instalou iluminación no almacén e construíuse un novo almacén, pegado ao existente, para a reutilización e para gardar os residuos eléctricos e electrónicos en caso de saturación. Finalmente, instalouse un sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. A maiores a Deputación e o Concello puxeron en marcha unha campaña informativa, que inclúe a instalación dun miniecopunto formado por tres caixas para depositar pilas e baterías, móbiles e tabletas, e cargadores e cables, que quedou montado na casa da cultura.

Santos Héctor destacou o compromiso da Deputación co medio ambiente e o esforzo pioneiro pola reciclaxe deste tipo de residuos, que resultan especialmente contaminantes e con efectos a longo prazo. Neste senso, incidiu, ademais, na importancia do proxecto ESTRAEE para a creación dunha economía circular entre a provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal para a recollida, reciclaxe e reutilización do "lixo electrónico".

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75 % polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

 

Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa.