Visor de contenido web

Actualidad > noticia

Publicador de contenidos

A Deputación lanza unha web para reforzar a información cidadá sobre a xestión dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos

11/08/2020
Deputación de Pontevedra
Nueva web Estraee

A Deputación de Pontevedra vén de lanzar unha nova web institucional para dar a coñecer a Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE). Deste xeito, a través de https://estraee.depo.gal/, pode consultarse información en galego, español e portugués sobre o proxecto europeo ESTRAEE, os seus obxectivos, municipios nos que está a impulsar iniciativas, socios que participan no proxecto e as principais accións que está a desenvolver.

A través desta nova web complétase a campaña informativa que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou recentemente e a través da cal se pretende achegar á cidadanía información sobre o proxecto ESTRAEE e os nove ecopuntos nos que actuou a institución provincial, situados en Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Ponteareas, Silleda, Vilagarcía e Arousa e Cangas (Mancomunidade do Morrazo). Deste xeito, a campaña situará "miniecopuntos informativos" nestes concellos con datos sobre o proxecto, o horario e atención do ecopunto situado no seu termo municipal, así como sobre os RAEE (residuos de aparellos eléctricos e electrónicos). Ademais, os "miniecopuntos informativos" irán acompañados de tres caixas de recollida: unha para móbiles e tablets, outra para pilas e outra para cargadores.

O proxecto europeo ESTRAEE, cofinanciado polo FEDER a través do programa POCTEP, está liderado pola Deputación de Pontevedra coa participación de socios como Energylab, Revertia, ERP e Liport. Cun orzamento de máis de dous millóns de euros, ESTRAEE pretende converterse nun modelo en Europa de xestión responsable deste tipo de residuos, os RAEE, cada vez máis habituais, así como nun exemplo da estratexia de economía circular encamiñada a xestionar os recursos eléctricos e electrónicos de forma sustentable. Entre as súas accións, o proxecto contempla a adaptación de nove puntos limpos da provincia á Directiva Europea dos RAEE, así como a definición dun borrador de ordenanza para os concellos sobre a xestión destes residuos e a análise do ciclo de vida das diferentes tipoloxías de residuos que nos últimos cinco anos, segundo The Global E-Waste Monitor, se dispararon un 21% no mundo.