Exposição do índice de correia fotorreceptora

Atualidade > noticia

Publisher Do Recurso

Carlos Font fai un chamamento "á implicación de todas e todos na recollida e reutilización de lixo eléctronico" na súa visita a Ponteareas

20/08/2020
Deputación de Pontevedra
Carlos López Font visita o punto limpo de Ponteareas

Ponteareas conta cun punto limpo adaptado á recollida de "lixo electrónico" gracias ao investimento realizado pola Deputación de Pontevedra no marco do proxecto europeo ESTRAEE. O deputado de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, e o deputado de Infraestruturas e Vías Provincias, Gregorio Agís, xunto ao alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, e á concelleira de Medio Ambiente, visitaron esta mellora e, a continuación, as obras de seguridade peonil realizadas no acceso á igrexa de Guláns na estrada provincial  EP4004.

Carlos Font explicou que o punto limpo de Ponteareas, cun orzamento total de 69.750,25 euros entre obras e subministracións, adaptouse co obxectivo de acondicionalo de cara á recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos para dar cumprimento coa normativa tanto europea como española. "Con este proxecto apostamos pola transición ecolóxica, un dos obxectivos preferentes da Deputación de Pontevedra" enxalzou o deputado, ao tempo que apelou "á implicación de todas e todos nesta materia de recollida e reutilización de residuos eléctricos e electrónicos". Pola súa banda, o alcalde de Ponteareas agradeceu e recoñeceu a implicación e colaboración do goberno provincial, "esta actuación para nós é un exemplo de colaboración, se non fose pola Deputación aos concellos nos resultarían moi custosas estas obras e non se poderían chegar a realizar".

Máis polo miúdo, foi necesario dotar o espazo de sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de acceso de vehículos, gaiolas e estantes, equipos informáticos e transpaletas, que son máquinas para o movemento de palés que precisamente foron entregadas a semana pasada pola Deputación. Ademais, tamén se construíron dous almacéns independentes para realizar a almacenaxe de RAEE, de 30 metros cadrados, e para a reutilización, de 28 metros cadrados. Así mesmo, iluminouse o almacén, dotouse dun sistema de protección contra incendios e paneis indicativos. Font destacou que tamén se instalou "nun punto de moita afluencia de xente como é o mercado municipal de Ponteareas" un minieco punto limpo entregado pola Deputación formado por tres caixas para depositar pilas e baterías, móbiles e tablets, e cargadores e cables.

No que respecta á mellora da seguridade peonil na EP 4004, cun orzamento de 305.023,73 euros, a actuación que o deputado Gregorio Agís cualificou como "moi representativa, necesaria e que pon en valor o patrimonio" levouse a cabo nun tramo de case 500 metros da estrada que dá acceso á igrexa e ao cemiterio de Guláns así como ao colexio Feliciano Barrera. O obxecto dos traballos foi a mellora do firme da estrada e das instalacións e tamén a ampliación da beiravía, o que permitiu mellorar a mobilidade na vía con elementos de calmado de tráfico e seguridade peonil. "Neste espazo era necesario articular unha solución que permitira que as persoas puideran pasear en condicións de seguridade e a solución que lle demos responde ao modelo da Deputación e cumpre con todos os obxectivos", subliñou Agís.

Neste tramo leváronse a cabo dous tipos de calzada, un deles formado por dous carrís de 2,80 metros, un para cada sentido de circulación, unha marxe dereita formada por unha beiravía de 0,5 metros e unha marxe esquerda na mesma cota de rasante formada por unha beiravía de ancho variable non inferior aos 1,80 metros. O segundo modelo, levado a cabo na zona da igrexa, consta dunha plataforma única compartida cun ancho de cinco metros para o paso dos vehículos e delimitado por un lousado de pedra. Neste tipo de calzada, o resto da plataforma está destinada ao uso peonil, accesos e á instalación de mobiliario urbano. Ademais, Gregorio Agís fixo fincapé en que tamén se renovou o alumeado público, "coa substitución do sistema anterior por un máis eficiente e sostible, afondando na nosa aposta polos ODS", e executouse a sinalización horizontal e vertical.