Web Content Display

Actualidade > noticia

Asset Publisher

O renovado punto limpo da Guarda xa está preparado para a reciclaxe dos Residuos Eléctricos e Electrónicos tralas obras acometidas pola Deputación de Pontevedra

27/08/2020
Deputación de Pontevedra
O renovado punto limpo da Guarda

A deputada de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Iria Lamas, xunto ao alcalde da Guarda, Antonio Lomba, visitou as obras acometidas no punto limpo da vila, ao abeiro do proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do "lixo electrónico" promovido pola Deputación de Pontevedra. A actuación, cun orzamento total de 53.588,06 euros entre obras e subministracións, permitiu adaptar o punto limpo co obxectivo de acondicionalo de cara a recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos. "Este tipo de accións son as que dan paso cara unha transición ecolóxica e contribúen á mellora do medio ambiente. É unha necesidade que todas e todos colaboremos coa correcta xestión dos residuos", destacou Iria Lamas.

"O noso planeta está en perigo e desde as administracións temos que poñer en marcha proxectos para loitar contra esta realidade", continuou, "neste eido, desde a Deputación absolutamente toda a acción política xira ao redor da Axenda 2030 de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible", enxalzou a deputada provincial. Pola súa banda, o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, agradeceu á Deputación "a oportunidade que nos dá de ter unha mellora neste punto limpo, moi importante para a recollida de aparellos eléctricos e electrónicos". O punto limpo da Guarda, situado no lugar da Sangriña, xa está totalmente renovado para que a veciñanza poida depositar alí os seus residuos eléctricos e electrónicos con total seguridade. A maiores a Deputación e o Concello puxeron en marcha unha campaña informativa, que inclúe a instalación dun miniecopunto formado por tres caixas para depositar pilas e baterías, móbiles e tabletas, e cargadores e cables, que quedou montado na praza de abastos.

En concreto, na Guarda foi necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estantes, equipos informáticos e transpaletas, que son máquinas para o movemento de palés que precisamente foron entregadas recentemente pola Deputación. Ademais, no que respecta ás obras, construíuse no nivel superior un edificio para a reutilización dos residuos, instalouse iluminación no almacén e proveeuse de sistema de protección contra incendios e de paneis indicativos.

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75 % polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa.