Exposição do índice de correia fotorreceptora

Atualidade > noticia

Publisher Do Recurso

A Lama xa conta cun punto limpo acondicionado pola Deputación de Pontevedra para a reciclaxe dos residuos eléctricos e electrónicos

28/08/2020
Deputación de Pontevedra
O renovado punto limpo da Lama

O deputado de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, xunto ao tenente de alcalde da Lama, David Carrera, visitou as obras acometidas no punto limpo da vila, no marco do proxecto ESTRAEE de reciclaxe do "lixo electrónico" promovido pola Deputación. A actuación, cun orzamento de 46.561,38 euros entre obras e subministracións, permitiu adaptar o punto limpo co obxectivo de acondicionalo de cara a recollida e xestión dos residuos eléctricos e electrónicos. Así, tanto a veciñanza da Lama coma dos concellos próximos conta cun espazo totalmente renovado no que depositar, para a súa reciclaxe, todo tipo de electrodomésticos, aparellos informáticos ou televisores, entre outros.

O punto limpo, situado no Polígono Industrial de Racelo, permanece aberto de luns a venres en horario de 7 a 14 horas, e os sábados de 8 a 11 horas. Ademais, as persoas interesadas tamén poden solicitar o servizo de recollida a domicilio previo aviso no número de teléfono 626 915 544. En concreto, na Lama foi necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estantes, equipos  informáticos e transpaletas, que son máquinas para o movemento de palés que precisamente foron entregadas recentemente pola Deputación. Ademais, no que respecta ás obras, construíuse no nivel superior un edificio para a reutilización dos residuos, instalouse iluminación no almacén e proveeuse de sistema de protección contra incendios e de paneis indicativos. A maiores a Deputación e o Concello puxeron en marcha unha campaña informativa, que inclúe a instalación dun miniecopunto formado por tres caixas para depositar pilas e baterías, móbiles e tablets, e cargadores e cables, que quedou montado no Concello.

Santos Héctor destacou o compromiso da Deputación co medio ambiente e o esforzo pioneiro pola reciclaxe deste tipo de residuos, que resultan especialmente contaminantes e con efectos a longo prazo. Neste senso, incidiu, ademais, na importancia do proxecto ESTRAEE para a creación dunha economía circular entre a provincia de Pontevedra e o Norte de Portugal para a recollida, reciclaxe e reutilización do "lixo electrónico".

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75% polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).

Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa.