Contido web
Publicador de contidos
Carlos López Font enxalza "a contribución da Deputación de Pontevedra á transición ecolóxica" na visita ao remodelado punto limpo de Meaño
O deputado de Economía e Réxime Interior, Carlos López Font, xunto ao alcalde de Meaño, Carlos Viéitez, visitou as obras acometidas no punto limpo da vila, no marco do proxecto europeo ESTRAEE de reciclaxe do "lixo electrónico" promovido pola Deputación. A actuación, cun orzamento total de 38.655,73 euros entre obras e subministracións, permitiu adaptar o punto limpo co obxectivo de acondicionalo de cara á recollida e xestión dos Residuos Eléctricos e Electrónicos. "Creo que estamos dando unha resposta moi satisfactoria ás necesidades da veciñanza e estamos contribuíndo de forma decisiva á transición ecolóxica e á mellora do medio ambiente, e isto pasa necesariamente por unha correcta xestión dos residuos", destacou Carlos López Font.
"A xestión medioambiental, a economía circular e a transición ecolóxica son unhas das bases da nosa acción de Goberno, é algo que nos preocupa", continuou o deputado provincial, "e este traballo conxunto que estamos a facer é a mellor resposta que se pode dar". Neste eido, López Font amosou a súa preocupación polos datos que amosan que "os residuos eléctricos e electrónicos incrementáronse nos últimos anos nun 17 % e prevese que de aquí ao 2030 aumenten o dobre". Pola súa banda, o alcalde de Meaño agradeceu á Deputación de Pontevedra pola súa colaboración e coincidiu con Carlos Font en que a xestión do lixo electrónico "estase a incrementar cada ano" e destacou que durante a pandemia o punto limpo aumentou considerablemente o seu uso.
En concreto, en Meaño foi necesario subministrar sistemas de vixilancia, de control de accesos ao almacén, de control de accesos de vehículos, gaiolas e estantes, equipos informáticos e transpaletas, que son máquinas para o movemento de palés que precisamente foron entregadas a semana pasada pola Deputación. Ademais, tamén se demoleu a soleira para mellorar a drenaxe das augas pluviais, colocouse iluminación no almacén, modificáronse as portas de acceso e dotouse de sistema de protección de incendios. Pola súa banda, tamén se instalou un ecopunto entregado pola Deputación formado por tres caixas para depositar pilas e baterías, móbiles e tabletas, e cargadores e cables.
O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75 % polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de Pontevedra. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).
Esta iniciativa permite o cumprimento da normativa europea e española sobre o tratamento do lixo tecnolóxico adaptando os nove puntos limpos da provincia: Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo (Bueu, Cangas e Moaña), Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa.