Accións > Áreas

Áreas de traballo

O proxecto ESTRAEE estrutúrase en catro actividades principais que van desde as obras nos ecocentros á elaboración dunha ordenanza e da análise de ciclo de vida dos materiais ata a bolsa de recursos 

1. Adaptación de 18 ecocentros/ Puntos limpos

A actividade comprende a adecuación de 18 ecocentros ou puntos limpos (9 en Galicia e 9 no norte de Portugal), de forma que coa casuística da súa posta en marcha se expoñan diversidade de solucións.

Para iso realízase un estudo previo que determina as actuacións básicas en cada punto limpo para a súa adaptación á lexislación vixente, lográndose un deseño coa maior eficiencia nos procesos de Reutilización e Reciclaxe dos Aparellos Eléctricos (RAEE) e os seus residuos.

A continuación realízanse as obras e a subministración dos equipamentos necesarios a través da contratación por parte da propia Deputación de Pontevedra nos centros en territorio español e de LIPOR  no caso dos localizados en territorio portugués.

Unha vez listas as obras planifícase a posta en marcha dos ecocentros aplicando os procedementos e protocolos establecidos polo grupo de traballo formado polos socios de ESTRAEE .

2. Modelo de ordenanza municipal para o tratamento de RAEE

Trabállase na elaboración dunha ordenanza municipal común que sirva para a normalización no ámbito local da xestión dos RAEE e os seus residuos de orixe doméstica.

Para obtela, os socios traballan conxuntamente recompilando documentación pola parte referida á xestión de residuos, así como á aplicación de metodoloxías de recuperación e reciclaxe.

Toda esta información destínase posteriormente ao estudo para a elaboración da ordenanza nos entes locais, cuxa documentación se pon en común para confección dun primeiro borrador que sirva como base para os correspondentes debates e consultas previas aos servizos e actores pertinentes.

Finalmente obtense o texto refundido que será elevado para a súa aprobación por parte de dous entes participantes, Deputación Provincial de Pontevedra e LIPOR.

3. Análise de ciclo de vida

Empregando a metodoloxía da análise de ciclo de vida cuantifícanse os parámetros de sustentabilidade do proceso de reutilización fronte ao de reciclaxe. Para poder levar a cabo a comparativa desde o punto de vista ambiental dos procesos de reutilización pártese da recollida do residuo ata a súa integración de novo no mercado como un produto susceptible de ser reutilizado por un novo usuario.

En paralelo, a posta en marcha dos centros pilotos permitirá recoller un número importante de tabletas, smartphones, lavadoras e lavalouzas, o que permitirá poñer en marcha as accións comprendidas nesta actividade, que se resumen en:

Definición do Manual de procesos de reutilización de residuos.

Este Manual describirá ao detalle o conxunto de procesos necesarios para a reutilización en función da tipoloxía de RAEE, prestándolle especial atención á trazabilidade dos diferentes compoñentes e identificando os residuos.

O Manual de procesos conterá unha descrición pormenorizada dos pasos para seguir na preparación para a reutilización. Redáctanse protocolos e guías de proceso que analizan en detalle os procesos de captación, trazabilidade, desensamblaxe, limpeza, test de funcionamento, control e xestión de saídas ao xestor ou usuario final.

A acción céntrase por unha banda na definición de procesos de preparación de reutilización de tabletas e móbiles e por outro de lavadoras e lavalouzas.

Desenvolvemento do modelo de cálculo da análise de ciclo  de vida (ACV)

Realízase un estudo comparativo de ACV  do proceso de preparación para a reutilización coa alternativa de reciclaxe, analizando os resultados obtidos nos diferentes escenarios de acordo coas categorías de impacto ambiental seleccionadas.

Levarase a cabo a análise de ciclo de vida dos produtos seleccionados de tal xeito que os resultados permitan cuantificar en que medida a reutilización é a mellor alternativa de fin de vida para tabletas, smartphones, lavadoras e lavalouzas desde o punto de vista ambiental.

Para iso, é necesario articular a definición da unidade funcional para cada unha das tipoloxías de RAEE, a determinación dos escenarios e os límites do sistema. Os datos de inventario obteranse a partir dos rexistrados durante o funcionamento dos prototipos de preparación para a reutilización para cada un dos RAEE obxecto de estudo, bibliografía, fichas técnicas de fabricantes e bases de datos de recoñecido prestixio. O estudo realizarase empregando unha ferramenta de software de ACV (SimaPro).

Pilotos, toma de datos e validación do modelo de cálculo

A posta en marcha dos procesos de preparación para a reutilización de acordo co establecido no Manual de procesos permitirá a posta no mercado dun número determinado de ítems susceptibles de ser reutilizados por novos usuarios.

Acometerase o proceso piloto para a reutilización de tabletas e smartphones no lado español, mentres que no lado portugués se abordará a xestión e preparación para a reutilización de lavadoras e lavalouzas.

A posta en marcha dos centros pilotos permitirá a recompilación de datos empíricos da etapa de preparación para a reutilización (residuos, consumos, materias primas e recursos) que se lle facilitarán a Energylab co fin de obter os resultados do ACV da alternativa de reutilización fronte á reciclaxe para cada un dos RAEE.

Esta actividade pretende apoiar a reutilización como a alternativa máis viable desde o punto de vista ambiental para os RAEE favorecendo unha transición cara a unha economía circular. A proposta desta iniciativa vai dirixida ao cambio cara a unha economía circular limpa de cero residuos, e non de eliminación, con obxectivos a curto prazo de reutilización e reciclaxe máis estritos.

4. Bolsa de recursos e materias primas secundarias

Para a creación dunha bolsa de recursos e materias primas secundarias é necesario coñecer a proporción dos produtores que son demandantes potenciais do movemento dos distintos produtos resultantes do proceso de recuperación e reciclaxe.

Para iso, realízase en primeiro lugar un estudo exhaustivo das necesidades de produto e a potencialidade dos recursos e materias obtidas dos RAEE

A continuación formúlase  a construción dunha plataforma (desenvolvemento de software) que permita xestionar a bolsa de recursos e materias primas, potenciando a saída destes produtos dunha forma áxil e ordenada e obtendo así unha trazabilidade rexistrable da maneira e destino nas que os distintos produtos se introducen de novo no seu ciclo de vida.

A aplicación deseñada validarase de forma que se poida utilizar gratuitamente e estea ao alcance de calquera xestor, produtor ou administración pública. É compatible coas desenvoltas a nivel estatal, pois é exclusivamente para a xestión da bolsa de recursos e materias primas resultantes da xestión dos RAEE, non para o seguimento destes .

  • Meano
    Meaño
  • A Lama
    A Lama
  • Nigran
    Nigrán
  • Nogueira
    Nogueira (Maia)