Contido web
Publicador de contidos
O proxecto ESTRAEE pecha con éxito o pioneiro sistema de recollida e tratamento do lixo electrónico
A experiencia piloto liderada pola Deputación xunto a socios españois e portugueses cumpre cos obxectivos e senta as bases cara a transición ecolóxica da xestión dos RAEE
Unha xornada técnica sobre a estratexia transfronteiriza da xestión dos RAEE (residuos eléctricos e electrónicos), serviu hoxe para pechar os programas e actividades do Proxecto ESTRAEE que, desde 2017, liderou a Deputación de Pontevedra, xunto a socios españois e portugueses como Lipor, para poñer en marcha un sistema de recollida e tratamento do lixo electrónico. Cun orzamento de máis de 2 millóns de euros, o 75 % financiado polo FEDER, ten sido unha experiencia piloto cara a transición ecolóxica para sentar as bases da xestión dos RAEE, "un éxito en todos os seus obxectivos", como sinalou a presidenta, Carmela Silva, que abriu a xornada xunto aos socios do proxecto, que supuxo a implantación de 9 puntos limpos na provincia e outros 9 en territorio portugués, que foron adaptados á normativa europea.
Carmela Silva destacou o "exemplo de cooperación transfronteiriza" entre as administracións, institucións, concellos e persoas participantes de Galicia e Portugal no ESTRAEE: "Cada día, Portugal e España, o norte de Portugal e o sur de Galicia estamos a ser capaces de traballar máis e mellor conxuntamente para dar respostas aos problemas que son de hoxe, e neste concreto do tratamento destes residuos, que están a aumentar de forma exponencial e que danan o planeta, con influencia na saúde das persoas". Na mesma liña pronunciouse Paulo Carvalho, representante do Consello de Administración de Lipor, quen salientou que este "innovador proxecto" permitiu "fomentar o espírito de cooperación, a aprendizaxe, o coñecemento conxunto e fortalecemento para acadar un futuro máis sustentable".
A presidenta destacou que os resultados teñen demostrado "que era imprescindible poñer en marcha este proxecto, que servirá como unha ferramenta de accións concretas para implementar a directiva europea que obriga a tratar os residuos eléctricos e electrónicos. E agora temos propostas que se constataron e poden servir de referencia". Neste senso, augurou que virán outros proxectos "a corto, medio e longo prazo" e emprazou ás e aos participantes no ESTRAEE a seguir traballando conxuntamente. A presidenta destacou especialmente o papel dos concellos nos que se implementaron as medidas recollidas no proxecto "por ser imprescindibles e ter a capacidade de adiantarse a unha norma de obrigado cumprimento" e mellorar ademais da xestión destes residuos, cuestións como a "concienciación cidadá, a información e a economía circular". "Dando polo tanto unha resposta aos obxectivos da Axenda 2030 na súa implementación nacional, pero facéndoo desde o local, que é onde acontece todo", apuntou.
Na xornada interveu tamén o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, que cualificou o ESTRAEE como "un proxecto de éxito transferible á realidade do noso territorio, Galicia" e que "marca o camiño" no obxectivo da xestión e tratamento de todo tipo de residuos. Así, resaltou a necesidade de contar con "estruturas supramunicipais de xestión" para axudar aos concellos, especialmente aos pequenos".
Lanzamento de Gestraee
Na xornada se presentou a nova aplicación de monitorización Gestraee, en palabras de Carmela Silva, "un exemplo do uso das novas tecnoloxías para responder aos retos medioambientais e aos desafíos que teñen que ver co coidado do planeta". Este novidoso software permitirá controlar a entrada e saída dos residuos eléctricos e electrónicos (RAEE) para optimizar a xestión dos puntos limpos. Esta tecnoloxía mesmo se adianta á posta en funcionamento da plataforma electrónica de xestión de RAEE do Estado, que contempla o Real decreto estatal (Rd 110/2015) ao incorporar xa esa información que esixe a norma, de xeito que os concellos poderán adaptarse á lexislación estatal. Ademais de poñer a aplicación a disposición dos concellos, a Deputación desenvolverá unha sesión de formación online para os municipios con punto limpo ao longo do verán, a fin de que poidan implantar a nova ferramenta con celeridade. Tamén entregará en cada punto limpo un dispositivo móbil para que operen con este pioneiro software, e farase entrega dunha guía de funcionamento.
Balance do ESTRAEE e puntos limpos
Na xornada informouse das accións concretas que a través do ESTRAEE se desenvolveron por parte da Deputación de Pontevedra. Neste senso, a actuación central do proxecto consistiu na adaptación dos 9 puntos limpos na provincia (Meaño, A Guarda, A Lama, Gondomar, Nigrán, Mancomunidade do Morrazo, Ponteareas, Silleda e Vilagarcía de Arousa) á Directiva europea dos RAEE. Neles fixéronse obras de adaptación e dotáronse de equipamento, cun investimento que ascendeu a preto de 557.000 €. Doutra banda, o pasado ano desenvolveuse unha campaña de recollida dos residuos electrónicos, coa instalación de miniecopuntos en puntos fixos dos concellos da provincia como Bueu, Nigrán ou Vilagarcía de Arousa. Así mesmo, en Silleda e Gondomar realizouse unha campaña itinerante para a recollida de RAEE e, en Meaño, fíxose nas instalacións do punto limpo. Esta campaña permitiu a recollida de aparellos como cargadores e pilas e recolléronse máis de 125 móbiles.
Nos 9 puntos limpos do ESTRAEE na provincia recolléronse o pasado ano 450 toneladas de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos, cunha media por habitante de 2,6 quilos anuais. Os residuos maioritarios en peso son os frigoríficos, aires acondicionados e radiadores (os aparellos de intercambio de temperatura, que supoñen o 30 %), seguidos de monitores e pantallas e outros grandes electrodomésticos como lavaroupas, lavalouzas ou microondas (son o 25 %). Os pequenos aparellos constitúen cerca do 20 %.
Por concellos, na Guarda é maioritaria a recollida de pequenos electrodomésticos, seguidos dos grandes aparatos e monitores e pantallas, mentres que na Lama a maior parte dos residuos son grandes electrodomésticos, e logo os de intercambio de temperatura e dos monitores e pantallas. En Gondomar depositáronse en maior medida aparatos de intercambio de temperatura, seguidos dos grandes electrodomésticos, monitores e pantallas e de pequenos aparellos e, en Nigrán, monitores e pantallas, xunto a pequenos electrodomésticos, de aparellos de intercambio de temperatura e de electrodomésticos voluminosos.
Na comarca do Morrazo as recollidas son de aparellos de intercambio de temperatura, grandes electrodomésticos, monitores e pantallas e finalmente os pequenos electrodomésticos. En Ponteareas son monitores e pantallas, seguidas dos grandes electrodomésticos, dos pequenos e dos de intercambio de temperatura, mentres que en Silleda os principais residuos son monitores e pantallas, así como de aparatos de intercambio de temperatura, grandes aparatos e pequenos electrodomésticos. En Vilagarcía de Arousa a maior parte son monitores e pantallas, seguidos dos aparatos de intercambio de temperatura, dos pequenos electrodomésticos e dos grandes aparellos. E, por último, en Meaño a porcentaxe maioritaria é para aparellos de intercambio de temperatura, grandes electrodomésticos e monitores e pequenos electrodomésticos.
Ademais, a Deputación ten elaborado unha ordenanza municipal marco (dispoñible na web www.estraee.depo.gal) para a provincia, que establece medidas destinadas a protexer o medio ambiente e á saúde coa prevención e redución dos impactos adversos derivados da xeración e xestión dos residuos de aparatos eléctricos e electrónicos. Outra das accións é o Análise do Ciclo de Vida (ACV) das diferentes tipoloxías de RAEE, comparando a súa reciclaxe e reutilización a fin de cuantificar os parámetros de sustentabilidade do proceso de reutilización fronte ao de reciclaxe. A ACV está sendo testada agora mesmo con material dos puntos limpos e, aínda que os volumes analizados polo de agora son pequenos, estimáronse unhas porcentaxes potenciais de reutilización en móbiles do 12,34 %; en tabletas, do 37,5 %, e en lavadoras do 14,29 %.