Contido web

Actualidade > noticia

Publicador de contidos

O punto limpo de Nigrán, preparado para a recollida e reciclaxe do lixo eléctrico e electrónico tralas obras acometidas pola Deputación de Pontevedra

A actuación, cun orzamento de 20.000 euros, permitiu a modernización e adaptación normativa do espazo situado na Camesella

03/09/2020
Nigrán Punto Limpo

A veciñanza de Nigrán e o seu contorno xa pode depositar os seus residuos eléctricos e electrónicos no punto limpo, tralas obras de acondicionamento acometidas pola Deputación de Pontevedra no marco do proxecto europeo ESTRAEE. A deputada Iria Lamas visitou hoxe as instalacións, acompañada do alcalde, Juan González, e destacou a aposta que a institución provincial e os concellos están a facer pola recollida e reutilización dun tipo de lixo especialmente contaminante e que require de exhaustivos protocolos para o seu manexo.

As obras realizadas, cun orzamento de 20.000 euros, consistiron na dotación de nova iluminación e colocación de portas corredoiras con peche de seguridade. Construíuse, ademais, unha pequena edificación no nivel superior, apegada ao edificio existente para a súa utilización como almacén dos residuos eléctricos e electrónicos (RAEE). As instalacións tamén quedaron dotadas de sistema de protección antiincendios e paneis indicativos. Finalmente, a Deputación achegou unha máquina transpaleta para facilitar o transporte dos palés e os recipientes de recollida. A estrea do modernizado punto limpo quedou complementada cunha campaña informativa consistente na colocación na casa do concello dun tótem con toda a información, ademais dunhas pequenas caixas para recollida de pilas, teléfonos móbiles ou cargadores.

A deputada Iria Lamas destacou a aposta da Deputación por contribuír á reciclaxe dos RAEE, residuos que están en crecemento exponencial e que inclúen metais pesados e gases lesivos para a atmosfera. Así, enmarcou a iniciativa nas políticas medioambientais da Deputación de Pontevedra e no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da ONU. Pola súa banda, o alcalde, Juan González, agradeceu o apoio da Deputación e a aposta pola reciclaxe. Valorou, ademais, que as obras se teñan rematado precisamente agora, pois durante o confinamento, explicou, retiráronse moitos "trastos" das vivendas e no caso dos aparellos eléctricos e electrónicos agora queda moi claro onde e como hai que depositalos.

A partires de agora o punto limpo de Nigrán, que está situado na rúa da Gándara (A Camesella), queda preparado para a recollida de electrodomésticos vellos e aparatos do fogar que funcionen con corrente eléctrica. A instalación está aberta en horario de 16 a 19 horas de luns a xoves, mentres que os venres e sábados funcionará en horario de 10 a 14 horas. Tamén é posible solicitar a recollida domiciliaria dos RAEE máis voluminosos a través do teléfono 900 700 111.

O proxecto ESTRAEE (Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos) conta cun orzamento total de 2.145.000 euros e ten por finalidade impulsar no espazo transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal a xestión de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE). Está soportado ao 75 % polo fondo FEDER, que achega algo máis de 1,6 millóns de euros. A Deputación e o resto dos socios achegan os 536.381 euros restantes (a Deputación de Pontevedra destinou 227.000 euros do seu propio orzamento e o resto dos socios españoles, Revertia, ERP España e EnergyLab, e portugueses, ERP Portugal e Liport, achegan o resto).